Presentación Curso Experto Universitario en Xestión Cultural 17.USC

Presentación CEU17

Advertisements

Medite rraneamente

A viaxe deste ano era unha vella teima de pechar dúas viaxes anteriores, que case chegaran a Cadaqués nunha ocasión é á costa azul por Francia noutra. Era unha viaxe mediterránea, á calidez e á luz dun mar que baña culturas milenarias que están moi preto e moi lonxe unhas das outras. Era unha viaxe para probar e renegar ao mesmo tempo dese “verán de Estrella Damm” do que falan Ezetaerre, cheo de imaxes idilicamente turísticas que non atenden en ningún momento ao mediterráneo polo que se colan as vergoñas da vella Europa (Siria, Lampedusa, refuxiadxs e pateras). Era unha viaxe chea de contradicións polo tanto, como a vida mesma, e por eso había que facela.

Non defraudou. Beleza, luz e calidez na mesma medida que excesos turísticos que non deixan ver o outro lado do mediterráneo, aquel onde están os conflictos que insisten en chamar ás nosas portas e lembrarnos que temos moito por solucionar.  Barcelona, Marsella, Xénova, Melilla, Argel, Orán, Estambul, Tel Aviv, Beirut ou Jableh están bañadas polo mesmo mar. Nunha orilla hai iates e turistas, na outra, pateras e refuxiadas de guerra. As fotos son como vedes, da beira occidentalmed1med2med3med4med5med6med9med10med11med12

Carral: Pan, Poesía e Mártires

quedadas

xuntámonos mañá en Carral un grupo de xestorxs culturais

para falar do noso “oficio ou arte”, que diría Dylan Thomas

(e que tamén podía dicir un mariñeiro de Corrubedo)

xuntámonos mañá buscando espazos de encontro

de artellamento da nosa profesión

unha profesión que traballa para construir unha república de libros e árbres

un lugar onde a cultura e o pensamento nos lembren a nosa condición

 

xuntámonos mañá en Carral polo simbolismo deste lugar

onde houbo mártires doutras repúblicas

onde hai pan co que calquer oficio busca alimentar aos seus fillxs

e onde hai poesía

que alimenta a alma das persoas que soñan

como diría Carlos,

vémonos mañá en Carral colegas

 

 

 

 

 

 

Scotland the Brave

mapaceltasart

Como non querer ir a Escocia? Logo de ir á Bretaña e sentir en Carnac o mesmo misterio irmán que se sinte en Baroña ou en Las nunha tarde de inverno. Como non querer ir a un país cunha historia de loita e insumisión aos poderes imperiais que o quixeron doblegar, dende Roma a uns ingleses que aínda a día de hoxe non conquistaron os valentes corazóns escoceses.

Como non querer ver e sentir as Highlands, e sobre todo as historias dxs bravxs Highlanders, tan presentes na cultura popular a través do cine, algo que nos falla aos galegxs, que tendo paisaxes coma elxs, historia coma elxs e Irmandiños tamén, carecemos da evocación colectiva que xeran as historias cinematográficas de gran formato.

Como non querer ir a Edinburgo? esa cidade tan fermosa e turística como viva e dinámica culturalmente, tan fotoxénica como alternativa se ve en Trainspotting (que se gravou en Glasgow por certo), tan vella como nova nos amosan as estatísticas de xente xoven que habitan e traballan na cidade.

A xente nova é unha constante en Edingurgo, e moita desa mocidade dinámica e traballadora é de moi preto de nós (preto de 40.000 españois viven na capital de Escocia). Bravas e valentes mozxs, que emigran buscando un lugar desos onde as oportunidades laborais son máis flexibles que aquí e as altas cualificacións son valoradas.

Escocia a valente represéntana os milleiros de anos de historia e o carácter que esta historia forxou no pobo escocés e tamén a representan hoxe esas miles de emigrantes que están alá buscando unha oportunidade. Que esas gaitas de tres roncos que tanto gustan en Ourense, toquen para elas.

sc15

sc11

sc10

sc3

sc12

sc6

sc2

sc9

sc4

a memoria da ética

bóveda

Asistín neste verán a un acto na memoria do xornalista Raimundo García Domínguez, Borobó. Un home bo e íntegro que ten no seu haber exercer un xornalismo non neutro en tempos tan difíciles como o franquismo. Un home que escolleu deliberadamente o bando dos vencidos logo da guerra civil, cando marchou a Madrid e se afiliou a un partido socialista xa derrotado. Un xornalista que sendo antifranquista foi quen de exercer un oficio digno naqueles tempos de censura e persecución política.

Coincideu tamén este verán outro acto sobre a memoria doutro represaliado, Ramón Martínez López, intelectual boirense que sufreu 30 anos de exilio debido ás súas ideas.. “a xente preguntábase porqué á volta daquel verán do 36 faltaban sete profesores no Instituto Español de Lisboa, porqué as mentes máis brillantes daquela institución, de repente..desapareceran”.

E como tantos veráns, escoitei de novo a memoria dos asasinados polo franquismo, entre os que destaca Alexandre Bóveda, político ourensán membro do Partido Galeguista e ao que lle debemos, como llo debemos a tódolxs asasinadxs polo réxime de Franco, que hoxe poidamos vivir con máis dereitos dos que a elxs lle recoñeceron.

É moi importante manter esta memoria. Que non é “a memoria das pedras nin a memoria das cousas”, senón a memoria das persoas, a memoria da ética. Da xente digna que loitou, ás veces dando a vida, para que a sociedade avanzase.

Na salvagarda desa memoria que nos fai avanzar, sempre tivo moita importancia a prensa escrita. Borobó como profesional e tamén Martínez López e Bóveda desenvolveron a función social, política e pedagóxica que tiñan e seguen a ter os medios de comunicación.

Porén, os tres actos citados (as homenaxes a R.M.L. e a Borobó e o 17 de Agosto) foron tratados pola prensa local ca escaseza e “blancura” habituais. Especialmente chamativo foi o caso de Borobó, onde o único medio que cubreu o acto, obviou por completo o discurso explícito e hipercrítico co franquismo do pte. da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, onde explicaba o profesor en primeira persoa como naquela época exercer o xornalismo ou calqueira tipo de crítica ao poder era algo moi perigoso.

Debe ser que esto non mudou e segue a ser moi perigoso exercer calquera crítica ao poder. Se non, non se entende porqué moitos medios seguen dando grandes portadas e titulares a verbenas e blanquísimos eventos deportivos, ou no mellor dos casos, á memoria das pedras, cando se segue a obviar a memoria das persoas, a memoria dos exemplos que nos fan avanzar. A memoria da ética.

A cultura dos vivos

moimenta1

Estes días en Boiro andamos emocionados por uns descubrimentos arqueolóxicos en Moimenta que todo indica que son moi importantes. O ano pasado reconstruironse as cabanas de pastores nas chans do Barbanza e dende hai máis dunha década desenvólvese en Neixón un traballo impecable, a través do centro arqueolóxico e das excelentes xornadas temáticas que dende alí impulsa un dos mellores profesionais do patrimonio que coñezo, Víctor Barbeito.

Este impresionante traballo que desenvolve o arqueólogo municipal xunto con profesionais da universidade e outras institucións que él é quen de involucrar, teñen unha importancia enorme para o noso desenvolvemento cultural, en tanto redescubren e poñen en valor o patrimonio que nos amosa quen somos e como nos definimos como pobo e cultura diferenciada.

O patrimonio arqueolóxico conecta tamén nos últimos anos co desenvolvemento turístico e polo tanto económico para o noso entorno e para as xentes que aquí vivimos.

Porén, a teima das miñas conversas co estimado compañeiro Víctor sempre é a mesma, a miña obsesión, o vínculo social e de desenvolvemento comunitario de todo o que facemos en cultura.

Canto ten ese inxente traballo da arqueoloxía, da museización, do descubrimento e da posta en valor da memoria que nos aportan “os mortos”, no desenvolvemento social “dos vivos” ?

Canta é a implicación, o impacto real na vida e no proceder da veciñanza que convive cun castro ou outro ben patrimonial ?

Como se involucra á xente para que os bens públicos, culturais, paisaxísticos ou doutra índole, sexan asimilados, socializados, entendidos como propios e polo tanto respetados e introducidos no normal desenvolvemento dunha comunidade humana ?

Como se compatibiliza o traballo científico dos especialistas en arqueoloxía co que pode aportar o pobo ?

Todas estas preguntas para min son claves na evolución de como sexa entendida a arqueoloxía.. e a cultura en xeral, e según as tratemos darán como resultado grandes e carísimos equipamentos baleiros de persoas ou comunidades vivas arredor da cultura, do patrimonio que lles é propio.

As pistas para respostar a estas preguntas que me asaltan, atópoas ultimamente no concepto de “ben común”. Un ben pode ser público, privado ou comunal. Se é público, propiedade da adminstración polo tanto, é esta a responsable do seu coidado e mantemento. Se o ben é privado, é o seu propietario quen debe exercer esas labores. Pero se o ben é comunal, é propiedade e responsabilidade de moitxs, dende sempre, dende a implicación colectiva que supón a propiedade común.

Se somos capaces de facer e entender a cultura como o que sempre foi, un ben común, e todxs nos responsabilizamos de coidala, de exercela, de organizala, de consumila, de vivila.. a cultura nas súas múltiples visións, será sustentable e sustentada no tempo. Se polo contrario marcamos e definimos quen son os propietarios, os emisores e as consumidoras de cultura, caemos no risco de xerar fendas entre uns e outras, fendas de desapego, desinterese e desislusión, a mesma que amosa unha cara dun vixiante xurado nunha sala de museo vacía un domingo pola tarde.

 

moimenta2

explicación á veciñanza dos achádegos da escavación de Moimenta

mallou

contos e lendas ao redor do castro de Mallou

guadalupe

cantar colectivo da Rianxeira nas festas da Guadalupe

letras

romería das letras, único día no ano no que se abre á veciñanza o Pazo de Goiáns

maio vintage

mercado de maio en Boiro, organizado colaborativamente pola plataforma Creaturas

cartel festa dorna /

cartaz da Dorna deste ano, onde aparecen imaxes dos milleiros de persoas implicadas

pascoa 2016

 

 

semella un soño,

pro eu mirei o sol a se poñer

sobre a ponte de luiz I.

escoitei o vento zoar

na praia da barra,

ollei os cereixos brancos no jerte

e negros boitres

en monfrague

e vin en cáceres, un pavo real sobre un muro antigo

e ata a robe iniesta,  dos que non teño foto

 

semella un soño, pro agora estou mirando

un mencer de choiva e campás

no meu nativo val

penso pra min e digo:

semella un soño,

pro todo o que non é poesía

é irrealidá

(adaptación do poema de celso emilio ferreiro -que sempre me lembrou á escea final de blade runner- e unha viaxe de pascua por portugal e a ruta da plata)

 

 

as mulleres do téxtil

“marcharon as fábricas pero quedaron as mans das mulleres que sabían coser”

En Boiro chegaron a funcionar catro fábricas téxtiles que empregaban a medio milleiro de mulleres. Aquel sector foi externalizado da noite para a mañán buscando exclusivamente o beneficio empresarial. Un beneficio conseguido a través da esclavización de outras mulleres, as asiáticas.

Hoxe son moitas as mozas creativas que a través de proxectos pequenos e altamente creativos, tentar sobrevivir dun sector herdado profesional e sentimentalmente deste país noso, sobre todo das mulleres deste país noso.

Hai esperanza en recuperar un sector roubado (como tantos outros)  baixo novos criterios e valores e novas formas de facer, que reconstrúen doutra maneira, as ruinas daquelas fábricas abandonadas; con altas doses de valor, ilusión,creatividade, colaboración, calidade, seguro que precariedade, e dignidade tamén -de unha vez máis- moitas mulleres galegas.

http://ccaa.elpais.com/ccaa/2015/06/22/galicia/1435000569_192179.html